Aprobouse a obrigatoriedade de contabilización de consumos individuais en instalacións centralizadas

Consumo individual de gas natural Noticias

O 6 agosto de 2020, o BOE publicou o Real decreto 736/2020, que completa a transposición da Directiva 2012/27/UE de eficiencia enerxética, que obriga a contabilizar de xeito individual os consumos en edificios con sistemas de calefacción e refrixeración central.

De que trata esta nova medida?

Os titulares dos edificios novos e existentes con instalacións térmicas centralizadas e construídos antes de 1998, que anteceden á publicación do RITE (Regulamento de instalacións térmicas nos edificios), momento a partir do que se estableceu a obriga da repartición de consumos en todos os edificios novos, teñen a obriga de instalar contadores individuais que midan o consumo de enerxía térmica de cada consumidor, sempre que sexa tecnicamente viable e economicamente rendible.

Excepcionalmente, para o caso de calefacción, cando non sexa tecnicamente posible o uso de contadores individuais, imponse a obriga de instalar repartidores de custos de calefacción.

O calendario de transformación publicado polo BOE prevé unha posta en marcha graduada (de acordo con zonas climáticas e características das vivendas), non obstante, a data limite é o 1 de maio de 2023.

Cales son os beneficios?
  • Eficiencia enerxética: reduce o consumo e evita desbaldir enerxía.
  • Medioambiental: Redución de 1,05 millóns de toneladas de CO2 anuais (datos Conaif).
  • Aforro económico: o cliente pagará só polo que consuma, o que permitirá aforrar arredor dun 20-25% na conta de enerxía (datos ISTA).
  • Mellor información: o cliente obterá unha información precisa, fiable, clara e puntual do seu consumo enerxético.
  • Confort: permite ao cliente xestionar o seu propio consumo e temperatura no fogar, garantindo un confort adecuado a cada familia.
  • Seguridade: como consecuencia da revisión e modernización das instalacións, será posible identificar anomalías no sistema.
  • Modernidade: é o momento ideal para cambiar a unha enerxía máis moderna, práctica, de subministración continua e menos contaminante, como o gas natural.
  • Oportunidade de negocio: un potencial de máis 1,5 millóns de fogares.
  • Xeración de emprego: colaborará na creación duns 2.000 ou 3.000 postos de traballos, directos e indirectos (datos Goberno).
Algunhas particularidades do Real decreto.

Aínda que é unha medida de impacto nacional no caso da calefacción centralizada, están exentos da obriga aqueles edificios situados nas zonas climáticas, α, A e B (Baleares, Canarias, Almería, Córdoba, Sevilla, Alacant…).

Se non existe aforro enerxético comprobado, non se obrigará as comunidades de propietarios a facer investimentos innecesarios. Están excluídos aqueles edificios nos que o investimento non poida recuperarse nun máximo de catro anos. Para determinar a rendibilidade da instalación, o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico poñerá á disposición unha guía técnica de aplicación que se publicará no Boletín Oficial do Estado. Con esta guía será posible identificar se a instalación é factible ou non.

Se a instalación non é viable:
  • A empresa instaladora/mantedora debe emitir un certificado gratuíto.
  • Os titulares da instalación deben presentar a documentación (certificado e unha declaración responsable) ante o organismo correspondente da súa comunidade autónoma.
Se a instalación si é viable:
  • Os titulares da instalación deben solicitar a un instalador autorizado polo menos un orzamento no que deben constar algunhas informacións técnicas e económicas.
  • Deben acreditar a viabilidade da instalación ante o organismo correspondente e, unha vez acreditada, a comunidade dispón dun prazo máximo de 15 meses para a súa execución.
  • Á finalización dos traballos da instalación dos equipos de contabilización, a empresa instaladora entregará aos titulares da instalación unha memoria técnica.

Os sistemas de contabilización xa instalados na data de entrada en vigor do presente Real decreto deberán permitir realizar lecturas remotas ou ser substituídos por outros sistemas que si o permitan, antes do 1 de xaneiro de 2027. Mentres tanto, poderá cumprirse mediante un sistema de autolectura periódica por parte do usuario final.

O Goberno tivo en conta tamén outros aspectos, por este motivo, estarán exentas aquelas instalacións térmicas que presenten inviabilidade técnica, como, por exemplo, sistemas de calefacción equipados con monotubos de serie, ventiloconvectores, aerotermos, etc.

Aínda que, dende o punto de vista de eficiencia enerxética e medio ambiente, parece ser unha das mellores medidas aplicadas nos últimos tempos, non se pode ignorar o impacto económico que terá sobre diversas familias con rendas mínimas. Nestes casos, o Goberno habilitará unha partida orzamentaria para a concesión de axudas a familias vulnerables.

Outros incentivos locais para promover a eficiencia enerxética.

O Concello de Madrid abriu o luns, 7 de setembro, o prazo para presentar as solicitudes do novo Plan Rehabilita 2020, prazo que durará dous meses.

O Rehabilita 2020 potencia a eficiencia enerxética, o que inclúe traballos para illar fachadas, substituír caldeiras comunitarias ou instalar cubertas verdes e puntos de recarga de vehículos eléctricos. Están incluídos todos os barrios de Madrid e os edificios construídos antes de 1996.

Nedgia colabora activamente para que se cumpran os obxectivos do Real decreto.

Nedgia pon á disposición diversas ofertas aos clientes con achegas económicas superiores a 200 euros. É unha importante panca comercial para as empresas colaboradoras e unha grande axuda aos novos clientes interesados en gozar do gas natural. Máis información sobre as ofertas, fai clic aquí.

Achegámosche algunhas ligazóns de interese:

BOE.

Conaif.

Concello de Madrid.

Quedaches con dúbidas sobre este tema?

Contacta co teu gremio, teñen á disposición expertos en regulamentos, normativas técnicas e poderán aclarar todas as túas dúbidas.

Listaxe de Gremios.