Bruxelas, 30 de xaneiro de 2020 – A conselleira delegada de NEDGIA, Núria Rodríguez, participou hoxe en Bruxelas na reunión coa directora xeral de Enerxía da Unión Europea, Ditte Juul Jørgensen, xunto aos conselleiros delegados das compañías distribuidoras que configuran o consorcio Gas Distributors for Sustaninability (GD4S).
Os representantes de GRDF, Italgas, Distrigaz Sud Retele, Galp Gás Natural Distribuiçao e Gas Networks Ireland trasladaron algúns dos temas clave do sector e a súa aposta polo potencial do gas renovable como unha solución real para o futuro do sistema enerxético e a súa descarbonización.
O grupo de distribuidoras de gas de Europa busca un mellor coñecemento das innovacións en solucións relativas ao gas natural, así como poñer en valor as xa existentes infraestruturas de distribución de gas, co fin de alcanzar os compromisos europeos para descarbonizar a economía.
Os CEO das principais distribuidoras de gas de Europa recordaron á directora xeral de Enerxía que “o gas renovable e a súa distribución polas redes xa existentes teñen indubidables vantaxes, entre as que destacaron a capacidade de almacenamento de grandes cantidades para ser consumida en horas de alta demanda e o feito de que actualmente existen dous millóns de quilómetros de infraestruturas de rede gasista listas para usar, a custos reducidos, e con capacidade para conectar os produtores de enerxía local renovable con calquera consumidor europeo”.
Durante a reunión, os membros da asociación remarcaron que “as redes de gas actualmente existentes son un activo europeo único que, grazas ao gas renovable, poden axudar a facer realidade os tan desexables e esixentes obxectivos de descarbonización europea”. Desta forma, GD4S busca sintonizar e acoplar no centro da estratexia da Dirección Xeral de Enerxía os beneficios tanto do gas coma da electricidade.
Tanto a conselleira delegada de Nedgia coma os CEO do resto de compañías aproveitaron tamén a reunión para dar a benvida ao recentemente lanzado European Green Deal, pola súa ambición en materia de descarbonización, así como para recordar o compromiso da asociación de axudar á UE a cumprir cos seus obxectivos de cambio climático e redución de emisións. Así, expresaron a súa vontade de aumentar o dialogo entre as diferentes distribuidoras de gas e as institucións da Unión Europea para crear un marco de traballo que permita avanzar na descarbonización da economía europea.
Sobre Gas Distributors for Sustainability (GD4S)
GD4S representa os actores máis importantes do sector da distribución de gas en Europa, que dan servizo a uns 24,7 millóns de clientes e representan aproximadamente o 20% dos consumidores europeos de gas natural. Un dos seus obxectivos é compartir enfoques e experiencias de mellores prácticas en cada un dos seus respectivos mercados, co obxectivo de mellorar a calidade dos servizos prestados aos consumidores.
Sobre NEDGIA
NEDGIA, filial do grupo Naturgy, é a compañía líder na actividade de distribución de gas natural en España, onde opera a través das súas diferentes compañías en once comunidades autónomas. A empresa subministra gas natural ao 70% dos consumidores en España: supera os 5,4 millóns de puntos de subministración e conta con máis de 53.800 quilómetros de redes en case 1.150 municipios españois.