NEDGIA impulsa os certificados de orixe para o gas renovable en España

Corporativo

A empresa representa España no Consorcio Europeo REGATRACE, un proxecto formado por 15 organizacións de dez países europeos que ten como obxectivo desenvolver o mercado do gas renovable en Europa.

Madrid, 16 de xaneiro de 2020.– NEDGIA, a distribuidora de gas do grupo Naturgy, participa como socio, representando a España, no Consorcio Europeo REGATRACE. Esta iniciativa, no que participan 15 organizacións de dez países europeos, ten como obxectivo desenvolver o mercado europeo do gas renovable e a creación dun sistema de comercio eficiente baseado na emisión e comercialización de Garantías de Orixe (GdO) de biometano e outros gases renovables.

Como parte integrante de REGATRACE, NEDGIA avanza na súa firme aposta polo gas renovable como solución para contribuír á descarbonización da economía. A compañía colabora no desenvolvemento de proxectos de demostración e innovación nos procesos de produción e redución de custos, e participa nos principais grupos de traballo de interese para compartir experiencias e aliñar as visións que os distintos axentes teñen do desenvolvemento do gas renovable.

The European Green Deal

A Comisión Europea presentou o pasado mes de decembro o “European Green Deal”, un plan que inclúe cincuenta accións concretas para loitar contra o cambio climático e converter Europa no primeiro continente climaticamente neutro no ano 2050.

O gas renovable está presente neste pacto verde, no que a Comisión salienta a importancia de desenvolver e incentivar a creación dun mercado competitivo de gas descarbonizado e de traballar nas tecnoloxías innovadoras que sirvan para descarbonizar os sectores industriais clave en 2030, entre as que se inclúen os gases renovables.

Ademais, o desenvolvemento do gas renovable contribuirá ao cumprimento dos obxectivos de enerxía e clima da Unión Europea, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e aumentando o uso das enerxías renovables.

Enerxía verde

O gas renovable é unha enerxía verde da que, actualmente, o biometano é o seu maior expoñente. Este biometano, que se obtén a partir do aproveitamento de residuos orgánicos, ten un balance nulo de emisións de CO2 e é totalmente intercambiable polo gas natural, polo que se pode distribuír a través dos máis de 87.000 quilómetros da infraestrutura gasista existente:

• Sen necesidade de realizar investimentos (nin públicos nin privados) de transformación nin da infraestrutura de redes nin dos equipamentos de consumo dos usuarios.

• E pódese empregar coas mesmas aplicacións enerxéticas en fogares, industrias, comercios e tamén para mobilidade no transporte.

Ademais, o biometano é o maior impulsor enerxético da economía circular: ofrece unha solución ao problema da xestión de residuos orgánicos mediante a valorización dos recursos (produción de enerxía renovable e de bioprodutos, principalmente biofertilizantes) e impulsa o desenvolvemento de zonas rurais mediante a creación de emprego e a dinamización da actividade económica.

REGATRACE

Renewable GAs TRAde Center in Europe é unha acción innovadora, formada por 15 organizacións de dez países europeos, que está cofinanciada pola Comisión Europea dentro do Programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020.

Entre as iniciativas que ten que desenvolver REGATRACE, salientan:

• A creación deosistema europeo de GdO de biometano e gases renovables.

• O establecemento de organismos emisores nacionais de GdO.

• A integración das GdO de distintas tecnoloxías de gases renovables cos sistemas de GdO eléctricos e de hidróxeno.

• A creación dunha rede de organismos emisores, incluíndo os rexistros nacionais de biometano existentes, e instaurando organismos emisores nos países obxectivos do proxecto (Bélxica, España, Irlanda, Italia, Polonia, Lituania e Romanía). REGATRACE preparará o terreo para o establecemento de rexistros nacionais de biometano noutros países (Croacia, Grecia, República Checa, Letonia, Ucraína, Eslovenia e Suecia)

Sobre NEDGIA

NEDGIA é a compañía líder na actividade de distribución de gas natural en España, onde opera a través das súas diferentes compañías en once comunidades autónomas. A empresa subministra gas natural ao 70% dos consumidores en España: supera os 5,4 millóns de puntos de subministración e conta con máis de 53.800 quilómetros de redes en case 1.150 municipios españois.